Torradas de Semana Santa ao forno

Torradas de Semana Santa

Torradas de Semana Santa ao forno

Quizá non podamos ir moi lonxe esta semana Santa, pero… quen nos impide gozar dunhas boas torradas coa familia? Unha sobremesa de toda a vida, sinxela e fácil de facer, perfecta para aproveitar ese pan que nos sobra. Proba a facelas desta forma, máis lixeiras pero igual de saborosas!

Preparación
20 min.

Cociñado
180 min.

Total
200 min.

Racións
12

Ingredientes

  • 1 barra de pan ou 12 rebandas de pan medianas (pode ser reseso)
  • 1 litro de leite Leyma Natura
  • A monda dun limón e dunha laranxa
  • 1 pau de canela
  • 3 culleradas de azucre branco
  • 5 ou 6 ovos
  • Azucre moreno
  • Canela en po

Preparación

  1. Nunha pota quentamos, sen que ferva, o leite xunto co pau de canela, as mondas do limón e da laranxa (procurando que leven a menor cantidade de parte branca posible) e o azucre. Deixamos a lume lento aproximadamente un par de horas.
  2. Cortamos o pan e reservamos.
  3. Unha vez arrefríe o leite Leyma Natura aromatizado, coámolo e vertémolo nunha fonte de gran tamaño na que iremos mergullando as rebandas.
  4. Deixámolas a remollo uns 15 minutos aproximadamente para que se empapen ben.
  5. Batemos os ovos e rebozamos na mestura as rebandas de pan previamente mergulladas no leite.
  6. Colocamos as torradas na bandexa de forno.
  7. Quentamos o forno a 200º e cociñámolas máis ou menos durante 20 minutos. Dependendo do tipo de pan, poderán necesitar algo máis de tempo, o importante é que queden douradas e non se sequen.
  8. Facemos unha mestura de azucre moreno e canela en po e espolvoreamos por encima das torrijas.

Quentiñas, mornas ou mesmo frías, están boísimas!

As nosas suxerencias